Os perigos da competencia desleal
A Sala de Vistas da Facultade de Dereito da UDC acollía onte a terceira sesión do programa formativo sobre Responsabilidade Civil organizado pola Cátedra Fundación Inade-UDC. O caso centrouse en analizar esta demanda, interposta por unha empresa de deseño e habilitación de locais comerciais por competencia desleal dun socio tras a súa marcha a outra dedicada ao mesmo.
O xuíz Oyarbide realizou un relato temporal dos feitos: á súa marcha, o socio saínte consegue para a súa nova empresa o principal cliente da primeira, xunto coas obras aínda en execución e parte do persoal técnico; ademais, utiliza dominios da internet con nome da anterior empresa para publicitar os seus novos proxectos. Marcos López argumentou a súa demanda baseándose nun suposto de competencia desleal en catro actos: captación de clientela, imitación da actividade, indución á terminación de contratos e explotación da reputación allea. Exposto o argumento do demandante, o profesor Juan Bataller baseou o seu defensa en poñer en dúbida o alcance e a forma dos danos causados polos catro actos axuizados.
Carlos Pena Kaiser, Director de Mercado Medio de Berkeley España presentou as liñas xerais das solucións ofrecidas pola industria aseguradora neste tipo de casos e repasou as coberturas principais que poderían entrar nun caso similar, explicando as que se poñerían en funcionamento nunha póliza de D&O (Conselleiros e directivos): o abono dos gastos de defensa e a indemnización por responsabilidade civil. Finalmente, os argumentos esgrimidos polo Xuíz para estimar parcialmente a demanda na súa sentenza baseáronse na existencia dunha probada captación de clientela (neste caso, non dun número significativo de clientes, pero si da súa principal fonte de negocio), pero non probada o roubo de propiedade intelectual.
Durante o coloquio tratáronse tamén temas como a importancia da petición de probas durante a fase preliminar deste tipo de procesos e os requisitos para darse por probada unha violación da propiedade intelectual. O curso, ao que se matricularon 40 alumnos, clausurarase o vindeiro xoves 2 de marzo, examinando un caso relacionado con accidentes de traballo.