19Mar
ECO Revista do Eixo Atlántico

As catástrofes naturais apertan ás aseguradoras

 “2017 foi un ano no que moitas viron reducidos os seus resultados operativos polo impacto de furacáns e terremotos”. Cristina Recio Rey, Xerente de Riscos Corporativo de Grupo Acciona, cre que “se 2018 evoluciona negativamente nestes fenómenos e segue habendo entrada de capitais, as compañías veranse estranguladas”

Esta experta foi convidada a dar unha charla aos alumnos do Plan Inicia GERENCIARYS -posgrao de especialista en xerencia de riscos e seguros que promove a Catédra FundaciónInade-UDC- que celebraron a gradación o pasado 16 de marzo. Na que foi a última lección do curso Cristina Recio lembroulles: “a prima non é o único que importa. É un dato relevante pero non debemos deixarnos levar polos impulsos comerciais, cómpre buscar a cobertura axeitada".

Os alumnos iniciaron a actividade formativa o pasado e setembro, asistindo a sesións os venres en xornada completa e as mañás dos sábados durante 17 semanas. O claustro estivo formado por 24 profesores e houbo cinco obradoiros sobre programa de seguros,riscos extraordinarios, xestión dos empregados expatriados e os ciberriscos. A xerente de riscos de Acciona lembroulles aos alumnos que “as empresas atopan na actividade diaria moitas oportunidades nas que os seguros ademais de presentarse como unha solución de transferencia de determinados riscos, pasan a ser parte da estratexia empresarial”. Iso si, remarcou que “debemos ter o noso propio criterio, xa que en ocasións, as administracións requiren seguros ou coberturas que son insuficientes”.

Finalizada a entrega de títulos, Rocío Lado, xestora de seguros no grupo alimenticio GADIS, afirmou que “os xerentes de riscos seremos unha profesión con demanda e moi boas perspectivas”. Lado lembrou que, tanto ela como os seus 25 compañeiros, matriculáronse para “coñecer ferramentas máis avanzadas que nos axudasen no desenvolvemento do noso traballo para enfrontarnos mellor tanto a riscos tradicionais como a emerxentes aos que se enfrontan as empresas no seu día a día”. Aínda así, sostivo que “deberemos actualizarnos constantemente para facer fronte a esta contorna cambiante”. 

Grandes lagoas

Antón Cobián Muñoz, presidente dos Alumni da Cátedra, quixo proveitar para poñer de manifesto que as Administracións Públicas non están implicadas o suficientemente, proba diso é que, excepto a Xunta; non hai ningunha outra Administración galega que teña creado este departamento, e tampouco hai lexislación nacional ou autonómica encamiñada a implantar a xerencia de riscos nas empresas.